«¿Curvy?» Non, gorda


Dá igual que chegasen a competir nunhas olimpíadas. O importante é que están gordas. Con ese titular deberan abrir varios medios aos que lles pareceu máis interesante o corpo da ximnasta Alexa Moreno ca o feito de que leve por primeira vez o seu país a uns xogos olímpicos nesta disciplina. E o mesmo coa porteira do equipo feminino de balonmán do Brasil, Teresa Almeida; ou as primeiras medallistas italianas, tres tiradoras con arco, ás que a prensa do seu país chamou «cicciottelle», gordiñas. Pero ninguén fala da tropa de ximnastas ás que se lles pode ver a través da pel que se tensa entre a tibia e o peroné. Só falamos das gordas. As perigosas, reviradas gordas.

As que foron nenas gordas saben do que falo. Saben da tortura de sentírense culpábeis por comeren un prato de pasta. Saben do pánico á praia. Saben do rápido que se albisca nas palabras a mágoa de crer que o teu corpo te levará ao fracaso. Gordiña. Repoluda. Rechoncha. Curvy. De óso ancho.

Menos mal que apareceu Pilar contando no seu Facebook que, aos 54 anos, por fin se atrevera a coñecer a feliz liberdade de que a auga do mar lle tocase a pel da barriga, e ensinoume que tamén nisto a lóxica deberá esmagar a estupidez. Igual que as mulleres queimaron os corsés, quizais algún día as nenas gordas perderemos a complicidade que nos dá esta talla 38 á que chegamos a base de converter a vida nunha dieta eterna. A complicidade de saber que, fagamos o que fagamos, sempre seremos esas gordas que xamais gañarán unha medalla.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Tags

«¿Curvy?» Non, gorda