Superman existe

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Superman existe e ademais non vén doutro planeta. Vive nun país algo afastado, pero non en Krypton. É ruso, concretamente da cidade de Yekaterimburgo. E non, non pensen que a descuberta da súa orixe sae á luz despois dun estudo ou investigación profunda. Trátase do mero feito da observación.

¿Que facía Superman? Agochar os seus poderes para que a súa vida de salvador resultase levadeira. E logo, amañar desaguisados: evitar choques de avións, explosións nucleares, derrubamentos de edificios sobre os veciños, descarrilamentos de trens... vaia, o de todos os días. Incluso se ocupaba de salvar ás vítimas dos roubos e tundas ou rescatar persoas que caían ou eran guindadas polas ventás dos edificios.

Aí está. Sempre pensei que sería bo que Clark Kent saltase das pantallas á realidade para evitar todos os problemas da humanidade, que non son poucos. Bastaría cun só destes milagres para recoñecelo, ¿non si? Pois ben, un home que paseaba o can pola rúa, observou como unha nena intentaba saír da súa casa pola ventá. Quería seguir á nai, que se ausentara uns minutos da vivenda. O maior problema non era o lugar para saír, senón que a ventá pertencía a un oitavo piso.

Pediu que lle coidasen do can mentres lle berraba á pequena, de tan só catro anos, que se agarrase forte e regresase a casa. Mais as forzas dunha nena desa idade non deben ser moitas e acabou por fraquear e caer. Directa ao chan de cabeza.

O home situouse debaixo e logrou agarrala. Salvouna. Rompeu un brazo, pero gañou unha vida.