Para algures ou para ningures

OPINIÓN

08 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me creo que a sociedade galega viva tan allea aos seus valores, á súa cultura, á súa lingua, á súa complexa e rica realidade xeral como parecen indicar os pobres resultados electorais dos seus partidos, maiormente dos que se din nacionalistas, de esquerdas e outras opcións máis, que ao mellor hai.

Quen coñeza a nosa sociedade non pode ignorar que nela tamén bulen preocupacións polo futuro e polo desenvolvemento das súas potencialidades, moitas veces de maneira un tanto agachada na conciencia de cada quen. Chámeselle como mellor pareza: emoción galega, conciencia de país, fogaxe patriota, latexar de mitose e crenzas..., que de todo hai. Esa realidade está aí, e todos estamos mergullados nela, se ben con distintas intensidades.

Por iso, sorprende a moitos que esa realidade case non se traduza en votos e non haxa ningún partido que soubese darlle corpo e viabilidade e convertela nunha opción a ter en conta. Case seguro que as razóns son moitas, ou polo menos algunhas, ademais da que imos expoñer aquí coa brevidade obrigada.

A diferenza doutras nacionalidades históricas, a nosa sociedade non soubo, ou non puido, crear opcións que interesen a unha boa parte dela, constituída por pequenos propietarios, pequenos industriais e xente escasamente proletarizada. De aí que o voto galego ande ciscado entre opcións moi diferentes e moitas veces opostas.

Para irmos de verdade a algures cómpre subliñar ben os problemas que a todos atinxen e expoñer con moita claridade as solucións concretas que propoñemos á sociedade, e menos ideoloxía, que ás veces confunde e non aclara. Non ter comunicado con claridade este esquema mínimo, e penso que nunca se fixo, non supón outra cousa que ir para ningures. Como de costume.