Recordaba os seus ollos de chocolate, en agosto, sentados na mesma terraza. Mar ao fondo. Ela, anos atrás, falaba dos soños que quedaban por cumprir, tocaba a súa man e sorría con boca de mazá tenra suave fresquísima. Brindaba polas tristezas rotas e levantaba a copa do futuro pensando que o gozo resulta eterno. Daquela tiñan un piso por habitar e varios fillos que nacerían en agosto, como o seu amor. El pensaba naquel tempo de lirios e delirios. Melancolía. Disimulaba as lágrimas que, amargas, chegaban ao seu rostro de señor maduro. Arredor, a xente amosábase contenta coa vida: festas en todos os recantos de Galicia, o pórtico do paraíso. El observaba o ronsel dalgún barco que navegaba rumbo ao leste. Alí nace o sol. Pero o sol, pensaba, eran os seus ollos de chocolate. E o edén, como dicilo, a súa boca. As súas mans de pianista, que só tocaban sonatas alegres, parecían flores. Linda. Sabía que a felicidade era un lugar do pasado. E pensou que esa é a peor das torturas: cando os horizontes quedan detrás. Levantouse. Foi ao baño. Xa nin se miraba ao espello. Non lle gustaba nin sequera presumir. Ela non llo perdoaría hai anos. Ela, sempre ela. Viñan os seus labios aos seus cando intentaba refrescar a súa cara de náufrago. Regresou á mesa. As copas estaban baleiras. O café con xeo sabía a naftalina e lagartos. Achegouse o camareiro e preguntou se todo fora do seu gusto, como era costume. Logo contou algunha anécdota divertida sobre os males do mundo, concluíndo que todo se arranxaría cun pouco máis de amor. Por último, preguntou, como fixera ao longo de tantos anos e de tantos agostos: ¿Desexan algo máis os señores? Ela, que tiña negros os seus ollos de chocolate, dixo: Para qué.