Entre o sainete e o esperpento

OPINIÓN

01 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mírese por onde se mire e repárese en quen se repare, non hai dúbida de que, infelizmente, a política española está movéndose sempre entre o sainete e o esperpento -e ultimamente xa mergullada neste último-. Polo que se vai vendo, é xa unha vella tradición, hoxe continuada en todo o seu esplendor.

Porque ¿é ou non é de esperpento que o político da opción máis votada nos diga que está conforme co encargo que o rei lle fixo de formar Goberno, pero que non se presentará á investidura para o suposto de que non conte cos votos necesarios? Un coidaba que esta era a consecuencia necesaria do encargo. A cousa vén ser algo así como se un equipo que se negase a xogar porque pensa que vai perder. Se non xoga, perde.

¿E non será de esperpento -ou pode que de algo máis grave- verse prisioneiro na torre en que está pechado o líder da segunda opción máis votada, gardada por baróns e certa aspirante a sultana, impedido nos seus movementos por liñas vermellas que o empequenecen e anulan?

¿E que me din de certo chisgarabís, entre bibelot e monicreque, que anda por aí solto dicindo hoxe unha babecada maior ca que onte dixera, suxerindo ser árbitro da situación, con folgos e fogaxe para tratar de converter ao rei en cómplice das súas ocorrencias? ¿É ou non é de esperpento?

Do esperpento non se salvan os representantes das demais opcións. E os votantes, a sociedade, supoño que non cre o que está vendo ou o que ve a deixa indiferente, como a corrupción, como as crecentes desigualdades, como a perda de dereitos... ¿Non será que o esperpento xa forma parte da nosa sociedade, e aquí non pasa nada?

Pouca cousa, diante dese panorama, son os milagres de La Corte de los milagros e demais esperpentos. Abofé que é moito o que imos avanzando.