A moda non só é un modo de vestirse. Di a súa definición académica que corresponde a un determinado xeito de vivir ou expresarse por parte dun grupo nun determinado momento ou época.
Seica pasa. Menos mal. A ver se se esgota, xa!, esa estúpida moda que existe entre algunhas mulleres por amosar que son as primeiras en recuperar a súa escultural silueta nun tempo récord despois de dar a luz. Que pena! Son auténticas escravas do seu corpo. Compadézoas.
Parir é moito máis ca deixar saír o neno dentro do corpo para volver a meternos nunha talla 36, ou 34!, e manter o perímetro do busto por riba dunha 90, desafiando as leis da gravidade. É máis... como o fan? Que comen? Ou directamente... comen? Fan deporte? Cantas horas ao día? Por que? Para que? Canto dormen? Teñen todas bebés que son de libro, dos que só comen e sonean?
Que é o que pretenden ensinarnos coas súas fotos en traxe de baño ou roupa interior? Que se pode ser nai e ter unha figura segundo manda o canon de beleza vixente aos poucos días?
O que ten que saber o mundo non é iso. É que se pode ser nai e empresaria, amante, docente, amiga, fontaneira e moitas cousas máis a un tempo. Sufrir e esgotarse, chorar e rir, caer e erguerse... nun mesmo corpo e en intervalos de tempo con diferenza de milésimas de segundo. Eses son os corpos modélicos. Os que teñen feridas que doen, supuran, proen, volven abrir e curan, deixando cicatrices. Corpos que se adaptan á vida e ás circunstancias. Algo que, ademais, nunca pasa de moda.