O embigo do mundo


Segundo un estudo sobre as preguntas procuradas en Google, un cuarto dos usuarios non saben se o sol xira arredor da terra, ou ao revés. Non podo evitar extrapolar ese resultado ao espazo representativo por excelencia, o Parlamento, para explicar por que me resultan tan aburridos os dimes e diretes de personaxes que quedaron descolocados o día que acabou o bipartidismo. Como diría Frank Underwood, de House of Cards, o poder parécese ao negocio inmobiliario, trátase de ubicación, ubicación, ubicación.

¿Merecen ter poder estes homes desubicados que se aferran ás migallas dunha política que xa é inútil? Ningún dos parlamentarios entendeu aínda que non xira o mundo arredor do escano, senón o escano arredor do mundo. Se a iso engadimos a tendencia de cada un deles a crerse o embigo do mundo, teremos a guinda da explicación.

Rajoy, agardando nunha tumbona, puro en boca, a ver pasar os cadáveres dos inimigos; Pedro Sánchez, guapo coma Narciso, camiño de esnafrarse contra si mesmo; Pablo Iglesias cunha visión da política baseada en Xogo de tronos, non encaixa alí onde os Sete Reinos son substituídos por independentistas, anarquistas, stalinistas, socialistas, unidos, desunidos e, sobre todo, idealistas; e por último, o meu favorito, Albert Rivera, que ten a entrañable capacidade de crer que coas súas faragulliñas de voto, pode ser o centro do universo parlamentar.

Entretanto, as que sabemos que quen está quieto é o sol, sabemos que isto só se resolve ao modo de Rajoy: todos pasarán mortos por diante de nós, que temos máis tempo ca calquera deputado de hoxe en día. E cando iso aconteza, diremos a unha: Eppur si muove.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

O embigo do mundo