Bórrate

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

21 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Da nómina impagada dos tristes. Da crónica dos indefensos. Da portada das malas noticias, bórrate. Do silencio dos mansos. Das páxinas en branco do esquecemento. Da palabra falsa, dos abrazos manteiga, dos apertóns de mans que apertan negocios ao 50 % de interese. Do interese pouco interesante. Do martirio dos seres tóxicos e vampíricos. Dos andeis con libros repetidos: introdución trama desenlace. Dos profesionais dos futuros grises, con Saturno presidindo un banquete de vísceras. Do rancor, bórrate. Procura un camiño no que poidas disfrutar a cada paso: fresco baixo a sombra das pereiras, brancaflor ou acariñado pola sonata das milpéndoras canoras de xullo. Importa camiñar cara a algunha parte, chegar importa menos. Bórrate das certezas que ocultan os lugares intanxibles invisibles inasibles: eses que só aparecen nos soños. Das grandes metas e dos obxectivos grandes como imperios. Das tardes en que non sabes que facer e pisas unha e outra vez as areas movedizas dun territorio de cicatrices: un rostro, unhas mans percorrendo o teu rostro, un regalo de compreanos, unha canción que bailabas con ela ou con el. De Donald Trump e Maduro, Rodrigo Rato e Blesa, de Francisco Granados e Gran Hermano, de corruptos e corruptelas, bórrate. Dos mares con resaca e dos bares sen praia e sombriña. Da delicadísima mala educación dos hipócritas. Dos pozos e das cucañas, bórrate. Dos malhumorados e ariscos e iracundos. Dos posuidores das verdades absolutas. Da estupidez e de cincuenta sombras dun tipo que se chama Grey. Das imposicións (porque si) e das exposicións, bórrate. De Romeo sen Xulieta, de Ortega sen Gasset. Da nómina impagada dos tristes. Da crónica dos indefensos, bórrate.