Convivir co terror

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 jul 2016 . Actualizado a las 08:20 h.

Esta vez foi en Niza , pero calquera día será en Roma, Berlín ou Barcelona, ou de novo en Londres ou en Madrid. Non é posible evitar un ataque terrorista igual que non é posible evitar que unha muller morra a mans da súa parella ou exparella. Por moitas precaucións que se tomen, por máis que se limite a liberdade en aras da seguridade, sempre haberá un tolo, un imbécil ou un malvado que se senta chamado a destruír a quen non pensa coma el, ou non actúa segundo os seus desexos. E a ese alguén, disposto a morrer para matar a outros, é imposible controlalo.

Por suposto que hai que tomar precaucións, e é seguro que as xa existentes evitaron moitas mortes, pero tamén hai que concienciarse de que teremos que convivir co terror como convivimos coas enfermidades e os accidentes, e non converter a vida cotiá nun suplicio para evitar algo que inevitablemente sucederá, porque a seguridade total é imposible ou, se prefiren, é incompatible cunha vida que mereza a pena de ser vivida.

Tomemos precaucións, e que as tomen quen nos gobernan, pero sigamos facendo a nosa vida ordinaria, non deixemos de ir a un estadio deportivo, a un concerto ou a unha verbena por temor a un acto terrorista. Xa saben: «A morte virá como ladrón na noite, sen avisar». Ou, como din os castizos, «de algo hai que morrer». Pero, mentres, non morramos de medo.