Volve o «Guernica»

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

16 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Siro

En 1968, Franco encargou a Carrero Blanco iniciar as xestións para que o Guernica volvese a España, e Carrero responsabilizou das mesmas ao director xeral de Belas Artes, Florentino Pérez Embid, quen un ano despois declarou ao xornal Le Monde que o cadro podería volver a España. O avogado de Picasso, Roland Dumas, respondeu que, por desexo do autor, «o Guernica só volvería a España coa República» e Picasso comunicoullo aos responsábeis do Museum of Modern Art de Nova York, onde estaba depositado.

Despois das primeiras eleccións democráticas, Senado e Congreso aprobaron solicitar formalmente a devolución do Guernica. Picasso morrera e nin a familia nin o museo tiñan interese en colaborar, pero o diplomático Rafael Fernández Quintanilla deu coa documentación que acreditaba o pago de 150.000 pesetas do Goberno da República a Picasso polo Guernica, e o Congreso dos EE.UU. pediu a devolución a España. A teimuda xestión de Javier Tusell, director xeral de Belas Artes, tivera éxito, e o 9 de setembro de 1981 o ministro de Cultura, Íñigo Cavero, asinaba a recepción do Guernica, que se mostrou, con grandes medidas de seguridade, no Casón del Buen Retiro, ata que en 1992 pasou ao Centro de Arte Reina Sofía.