Entre todos os canallas e bandidos, esa especie sen perigo de extinción, os máis perversos son os violadores. Non concibo nada máis inxustificado e inxustificable. Un violador é un rufián sen remedio. Existen varias clases, pero todos converxen na mesma esencia: arrebatan e asaltan o máis íntimo dunha muller. Forzan, acosan, agriden. Existe o violador individual, de arrebato en arrebato, e o violador en grupo. É unha nova concepción dos tempos modernos. En festas e derivados aparecen estes machos repugnantes que se permiten violentar a unha moza dama señora nena (chaman pederastas a estes canallas). No San Fermín que remata rexistráronse varias denuncias nas comisarías. Algúns detidos. É o sinal da contemporaneidade: a manda de lobos, enlodada de alcohol, asestando golpes de sexo. Algúns ata gravan en vídeo as súas fazañas. Miserables. Son cuadrillas de asasinos que sacrifican, en ocasións, sen pólvora ou navalla. Cada violación é un asasinato, pero non está tipificado así no Código Penal. ¿Que parte da muller morre cando é violada? A alma. E case sempre custa resucitala. Pero o Estado non considera estes asasinatos. Hai violadores que pasan polo cárcere como por un hotel de tres estrelas. E cando saen, repiten. Algúns psiquiatras reputados afirman que son enfermos. Quizá teñan razón. Pero a maioría das enfermidades teñen remedio. Non aplicar o remedio é permitir o que estamos a contemplar con impotencia, con dor e suplicio e tortura. Cada violación é un fracaso deste sistema que non educa na igualdade, aínda que o pareza. Que outorga ao home papel protagonista. Que fai da forza e do poder (sexa financeiro ou político) o único valor. Quen viola, mata. Miserables.