Pregunteime moitas veces o segredo da fascinación, esa palabra ilimitada e inconcreta. Coñezo persoas que provocaron en min esta sensación estraña, e películas, e textos indispensables. Fascinación. É a palabra exacta que provocaba en min Carlos Casares. Despois de ler as súas Á marxe, que La Voz de Galicia publicou diariamente durante anos, eu quedaba coa certeza de que aquelas columnas de gatos, amigos, elucubracións, cavilacións, divagacións crónicas ou anacrónicas, habían de desenvolverse no meu interior como bolboretas: voándome. Era a fascinación. Eu non o sabía. Comprendino anos despois das miñas primeiras lecturas de Carlos Casares. Comprendino cando o coñecín e descubrín que a literatura era unha extensión de si mesmo: unha novela andante, un libro non acabado que escribía a diario contando e recontando o seu mundo. Dende A Limia e a asolagada Antioquía ata os máis recónditos lugares onde Clío sobreviviu a todas as guerras. Do sillón azul onde un émulo de Risco xogaba a ser Deus ata as ficcións que cruzaba con Basilio Losada. Era un compendio de gozos mastigados, dixeridos, para se converter en pombas que batían coas súas ás na nosa pel. Alí, no territorio sentimental, repousan as evocacións dos seres magníficos e espléndidos. Carlos Casares era un deles.
Escribín moitas veces da súa literatura. Non é este o momento. Aquí debo discernir (é unha teima) os motivos da fascinación que Carlos provocaba. Sería a súa bonhomía, talvez. Ou esa xenerosidade nos afectos. Ou a calidade innegable da súa obra, que en cada relectura nos descobre novas fontes de orixinalidade e poder cognitivo. Sería a prodigalidade da imaxinación e onde todos observaban muíños, el, Quijano de Ourense, quería ver Dulcineas que axitaban os brazos só para abrazarnos. Carlos deixou pegada eterna. Por iso a Academia de Nós atinou no autor a quen dedicaremos o Día das Letras do 2017. O mellor. Un exemplar único que existe aínda. Nalgún recanto do país hai un Casares que nace cada mencer, no abrente, luminoso e veraz. Cando vence a desesperanza. Cando os fríos da resta queren quitar razóns ao sol do verán das sumas. Cando o verbo separar gana a partida. Cando o disenso reina. Cando as etiquetas etiquetan ao revés. Cando perdemos, aparece a súa sombra: de puro e chocolate, de máquina de tren e xoguetes prohibidos. Oxalá dende hoxe mesmo o espírito de Casares remova as entrañas deste país con instinto suicida. Oxalá o río do recordo invoque a Breogán e Castelao e Cunqueiro: para saber de onde vimos, quen somos, e onde queremos chegar. Oxalá non nos fagamos máis dano. Era o que Carlos quería. Seino porque ese é o territorio que en verdade sementou -palabra a palabra e libro a libro- este ourensán admirable. Deixounos innumerables leccións de anatomía sentimental. Ese era o segredo.