Carlos Casares

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un dos grandes. Segue sendo un dos grandes. Tiven a honra (e a mágoa) de sucedelo primeiro na dirección xeral da Editorial Galaxia e da revista Grial e, pouco despois, na cadeira da RAG. Fun amigo seu, compañeiros na edición e na literatura, con dez anos de diferenza (nacemos o mesmo día, un 24 de agosto; el no ano 41 e eu no 51). Morreu novo, en marzo do 2002, cando aínda podía dar moito de si. A Real Academia Galega salienta agora a súa memoria elixindo a súa figura e a súa obra para a celebración do Día das Letras Galegas no próximo ano 2017.

Este xornal sabe da popularidade e da enorme capacidade de comunicación de Carlos Casares. Durante anos, a súa columna literaria, Á marxe, acompañou a miles de lectores que acordaban cada mañá co seus textos: breves, estimulantes, coma o primeiro arrecendo do café. A súa produción abrangue practicamente todos os xéneros: o relato breve, a novela, a biografía, o ensaio, a crítica literaria, o xornalismo, a literatura para os máis novos? Trinta e oito títulos rexistrados (11 de narrativa, 19 que poderiamos incluír no apartado do ensaio, 11 libros pensados para as rapazas e os rapaces), sen contar as traducións (O principiño, de Saint-Exúpery, en 1972, é unha obra de referencia neste ámbito), os traballos colectivos e os miles de artigos nos xornais, dende os primeiros textos case que de mocidade en La Región á súa presenza constante, dende o ano 1975, nas páxinas de La Voz.

Escritor e cidadán, cun forte sentido do compromiso institucional. O país hai que facelo todos os días dende o realismo, sen renunciar ao horizonte, mais sabendo cada paso que se pode dar. A figura de Ramón Piñeiro, mestre e amigo, marcouno moi fortemente. Deputado no Parlamento de Galicia na primeira lexislatura (1981), que en certa maneira poderiamos cualificar de constituínte, participou activamente no desenvolvemento de iniciativas como a Lei Normalización Lingüística (1983), a creación da Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) ou o Consello da Cultura Galega, institución da que foi presidente dende 1996 ata o seu falecemento.