Razóns da saída británica

OPINIÓN

04 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez está máis claro que as razóns da saída británica da Unión Europea tras o referendo do pasado mes son de maneira moi principal dúas: que non se acomodan nunha Europa tan pouco democrática, como é a Europa dos burócratas de Bruxelas, e tamén porque, e por semellantes causas, rexeitan unha Europa onde os regulamentos, as directivas e as normas están por riba da política.

Algúns pensan, como a eurodeputada Marielle de Sarnez, (Libération, 25.06.16) que a saída británica é un aviso á burocracia europea, que debemos aprender dela e que, ao mellor, cómpre que a festexemos. Porque a Europa de Bruxelas non constitúe un horizonte crible, e porque a xente pensa que os seus dirixentes están interesados nos asuntos do poder financeiro e aínda que participan nel. A mala política.

Temos unha Europa tecnocrática, a dos mercados a golpe de regulamentos, de directivas e normas, pero non a Europa política que necesitamos. Nada é máis evidente: a acción política é a que ten que encaixar a Escocia e Irlanda, e outras nacións europeas, a que ten que facer a Europa dos pobos para que se sintan unidos e desenvolvidos pero non aferrollados.

Unha Europa que, lonxe dunha suma de egoísmos nacionais, desenvolva un proxecto común. ¿E hai algún outro proxecto común máis sólido e de maior porvir que conseguir que os distintos pobos de Europa se acomoden nesa empresa xigante, que estivo na mente dos fundadores orixinais pero que está moi lonxe dos burócratas de hoxe?

Paréceme que non vai desencamiñada a señora de Sarnez. Pode que a única maneira de que Europa cambie sexa que de cando en vez teña que aturar un pau como o que os británicos veñen de darnos. Os paus terán que ser moitos e grandes, porque os intereses que hoxe dominan Europa son tamén moitos e moi grandes. Velaí a cuestión.