As armas cárgaas o demo

OPINIÓN

20 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Iso dicíannolo na mili coa finalidade de que extremásemos o noso coidado e non se nos disparasen sen o noso control. Pero, naturalmente, cárganas os humanos e tamén as disparan. O mesmo ocorre coas armas da política, coas estratexias electorais, coa propaganda, coa comunicación co electorado. No esforzo por dar unha determinada imaxe, os políticos, ás veces, pásanse e poden obter o resultado oposto ao que procuraban. Cousa que non é raro que suceda se recorren á esaxeración, á demonización do contrario, á mentira e mesmo ao invento de expedientes presididos pola falsidade. Todos temos na memoria certos expedientes xerados nalgunhas dependencias oficiais. Arestora, hai algúns xornais que apuntan toda a súa artillería á negación, aldraxe, desprestixio e mesmo persecución dunha opción política que non cadra cos seus intereses. Pero a política é o equilibrio dos intereses contrapostos, non unha batalla na que exterminar a un inimigo, que non é tal, senón tan só outra opción parella. Aínda con escasa cultura política, a nosa sociedade tivo momentos espléndidos de lucidez e non só non se deixou engaiolar por cantos de serea senón que reaccionou con cabreo e con sabedoría: o caso paradigmático foi cando se nos quixo facer crer que a masacre dos trens de Atocha fora obra de ETA. Percíbese hoxe unha intoxicación informativa, unha teimosa demonización, respecto dunha das posibles opcións para os comicios do día 26, que dalgunha maneira lembra a de aqueles atentados. Sospeito que, como entón, algúns, ou moitos, pode que se sintan ofendidos e cabreados.