Elisa Zanita Cándida. Tres nomes para unha muller. Tres santos para unha santa. E quedan curtos. Zanita, coma a coñecían todos, era a miña madriña, e moito máis ca iso. Foi unha nena que non gozou dunha infancia fácil e o tempo non lle mellorou moito máis a vida.
Medrou sen proxenitora. Para compensalo, foi nai dos seus fillos e da súa sobriña, miña nai, cando quedou soa. Foi, polo tanto, tamén a avoa materna que miña irmá e eu non tivemos. Na casa, todos lle chamabamos madriña.
O corpo era miúdo e fráxil. Lixeiro tamén na facenda. Semellaba que podería botarse a voar en calquera momento cun só refugallo de vento. Pero a súa fortaleza de espírito sempre a mantivo apegada á terra. Rexa, forte, traballadora. Loitando.
Criou netos e mimou bisnetos. Coas mans retorcidas polos golpes da vida e os ollos e o oído xa moi febles. Sempre cun sorriso. O día que o seu fillo perdeu a vida, a ela tronzóuselle a metade da súa.
Como aquel corpo miúdo podía aguantar tanto sufrimento con ese estoicismo? A enteireza e a paciencia foron sempre as súas armas.
Facía as mellores empanadas de mazá do mundo. É o olor que identifico coa infancia, a raíz, a felicidade. Daba ata o que non tiña.
Marchou no vento. Despregou as ás de anxo e botouse a voar. Sempre tiven medo de que se fose axiña. Coidounos de preto moito tempo e farao onde estea.
Pero Lires, o noso lugar, o lugar, non volverá ser o mesmo sen ela, sen a súa luz. Botarana de menos. Eu, ademais, deixo de ser unha nena. Sen avós é difícil sentirse neta.