Hai sete días, ás doce da noite, comezou oficialmente esta campaña electoral. Vivimos, en bucle, unha campaña inacabable. Resultaría óptimo que rematasen as campañas e os gobernantes, e opositores, comezasen a preocuparse polas cousas que en verdade importan. Estes días prometen a terra de Jauja aos votantes. Uns falan das grandes cifras e outros dos grandes proxectos. Pregúntome se estás ti metido entre as liñas dos seus perfectísimos programas electorais. Pregúntome se están os que residen na tristeza. Os internos nun hospital e os que se encargan deles. Os vellos que pasan a vellez na soidade acompañada dunha residencia. Os que dormen sen ganas de despertar ao día seguinte. Os melancólicos e poetas que aínda non entenden que significan esas expresións consuetudinarias: prima de risco, PIB, implementar, IRPF. Pregúntome se nesta campaña aparecen os que sofren esta sociedade confortable. E eses que denominan «sen teito», ou sexa, homes e mulleres que teñen por teito as estrelas. Están nesta campaña os soñadores? E os que viron frustradas as súas ilusións por ter que cumplimentar kafkianas burocracias? Están nesta campaña os olvidados, eses que camiñan a corda frouxa da supervivencia? E os magos? E os piratas? Os políticos parecen sacados dunha máquina de facer políticos. Todo tan estudado, tan mentira, tan cosmético e superficial. Saben mover as mans cando falan, pero pronuncian palabras repetidas e gastadas. Colocan con habilidade as gravatas e outros hábitos, pero sorrín con escasa sinceridade. Nesta campaña pregúntome se están os outros, ou sexa, ti. Á política fáltalle corazón, sentimento. O máis emocionante da política, qué infortunio, é a música dun mitin.