Saberás, Javi Gómez Noya, que neste recanto do noroeste estamos a brincar de alegría. Polo teu Princesa de Asturias. Polo premio grande que acabas de recibir. Pero tamén porque queremos mirarnos, como un espello, nos teus ollos. Es exemplo e guía nestes malos tempos que padecemos. Exemplo para os mozos que estes días están estirando a súa prosa e o seu intelecto, número a número, nas probas da selectividade. Exemplo para os que remataron os estudos e non encontran traballo. Exemplo, sobre todo, para os adultos instalados no desencanto. Danche o premio polos teus méritos deportivos, pero particularmente, afirman, pola túa perseverancia e esforzo continuos. O que resiste, gana. Es, Javi, desa clase de xente que nunca tira a toalla. Es, Javi, un deses seres que fan mellor o país que habitan. Quero poñer o teu nome en todas as paredes de Galicia, para que aprendan e aprendamos. E utilizo esta columna sentimental para ofrecerche a estima, estou seguro, de centos de miles de galegos que hoxe andan co peito ancho por ti. Porque a xente coma Javier Gómez Noya fai mellores a todos os que comparten patria ou matria, país ou nación, terra. Ti es dos nosos. Os de verdade. Por xente coma ti a voz «gallego» xa non ten no dicionario as pexorativas connotacións de outrora. Por xente coma ti, os galegos non están no medio da escaleira: os galegos soben, trepan, avanzan, progresan e ganan día a día con tesón o seu futuro. Por xente coma ti, segue tendo sentido perseguir soños, aínda que os soños mil veces se rompan. Grazas pola lección. E grazas, sobre todo, por abrigar ilusións e entusiasmo e emoción e ganas e afán e ánimo e vigor e sacrificio. Campeón de corazón. Ti, Javi Gómez Noya.