En 1979 multiplicáronse as acción terroristas, especialmente de ETA, responsable de 89 asasinatos dos 123 que se cometeron. Ademais, o 11 de novembro, ETA político-militar secuestrou ao deputado Javier Rupérez, membro do Comité Executivo da UCD, que na etapa universitaria fora militante democristián na oposición ao franquismo e en 1963 un dos fundadores da revista Cuadernos para el diálogo. A cambio da súa liberación, ETA esixiu a de cinco presos vascos e a creación, polo Consello Xeral Vasco, dunha comisión investigadora das torturas en Euskadi.
O Goberno anunciou que non negociaría cos terroristas, pero durante o secuestro foron liberados catorce etarras, oficialmente como consecuencia da política penitenciaria. Despois dun mes de cativerio, Rupérez apareceu de noite nunha estrada de Burgos. Os negociadores foran Ruiz Giménez e Juan María Bandrés. O PSOE pediu a Suárez que informase das concesións feitas a ETA.
Os secuestradores foron detidos aos poucos meses e xuzgados dez anos despois. Un dos acusados era Arnaldo Otegi, tamén integrante do comando que tentara secuestrar e ferira a Gabriel Cisneros. O fiscal pedía para el 29 anos de cárcere, pero foi absolto por falta de probas.