Tigres

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Unha mañá de principios de xuño, sonata de primavera, levantouse coa mordida dun tigre no medio do corazón. Pensou que soñara. Pero non. O corazón sangraba un sangue viscoso, case negro. Non sentía dor, senón afogo: faltáballe o aire. Acudiu á consulta médica só por saber se tiña remedio o seu mal. Receitáronlle pastillas para olvidar. Pasou o tempo e non olvidaba. Seguía levantándose cada día, medio zombi ou medio mártir, coa mordida do tigre no seu peito. Deambulaba na procura de remedio para o seu mal. Non o encontrou. Só pílulas prescritas con afán polos galenos que aseguraban, con certeza, que ás tres ou catro semanas todo ía mellorar. Uns dicían que precisaba alegría e que esa sensación de angustia (non ser quen de alcanzar o aire) era un síntoma de depresión. Outros aconsellaban que tomarse a vida con filosofía (filósofos e poetas son seres perigosos, riu). A maioría dos cercanos, logo dun período de intensa atención, comezou a considerar que o seu comportamento resultaba inaceptable e indecoroso. El comezou a intimar coa soidade e cos vicios que a soidade conleva: a lectura de poemas e novelas melancólicas, as audicións de lábiles cancións de amor, as lágrimas fluviais que derramaban un paquete de panos de papel en brevísimos minutos. Taciturno e desconsolado decidiu facer caso omiso da ciencia médica e dedicarse a contemplar o seu propio deterioro. Foi nunha desas contemplacións cando descubriu, como garzas, uns ollos lastimados de frío. Como os seus. Mirouse neles e pediulle, a ela, que camiñasen xuntos polo parque (o alcalde da súa cidade chamáballe «espazos verdes»). Comprendeu que só un amor borra outro amor. O amor, pensou, é un cazador de tigres.