Revalidar

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste asunto das reválidas, moitos preocúpanse polo estrés do alumnado, coma se o estrés non fixese parte da vida e coma se non fose indispensábel aprender a xestionalo (¿pero non haberá formas mellores de estresar educativamente ca un exame á antiga?). A min preocúpame máis o estrés duns asesores da Consellería de Educación que hoxe defenden a reválida cando onte insistían nas bondades da avaliación continua, o traballo por proxectos, a adquisición progresiva dos coñecementos e unha chea de ideais en cuxa formación docente a Xunta gastou uns cartiños. Todo para que agora a reválida destape a opinión da Consellería sobre tres cousas: que consideran unha parvada a avaliación continua; que non se fían do criterio avaliador do profesorado (que, non sei para que, figura en toneladas de papel en formato da programación que cada docente entrega); e que lle dá igual a inspección, ninguneada ao dicirse que é a reválida a que detecta «necesidades de reforzo».

Eu, que sei que desde o minuto educativo cero se inculca a importancia do proceso máis ca o resultado, alucino. Porque pensaba que quedara atrás o tempo no que un test determina a calidade; porque cría que cada neno ten a súa evolución; porque entendía que a inspección estaba ao servizo da garantía de calidade. E sobre todo, porque sei que non hai ninguén máis currante, apaixonado e comprometido co ensino ca o corpo de docentes que, día a día, loitan contra os elementos para poder ensinar. ¡Iso non se revalida, caramba!

Cando os que mandan xa non manden, os mestres e as mestras, por sorte, seguirán aí: abrindo os colexios, aturando os nosos fillos e garantindo que aprendan algo. Un pouco de respecto.