A decisión do PSdeG

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afiliados socialistas teñen que elixir esta semana entre dous candidatos a presidir a Xunta, pero teñen que tomar varias decisións importantes máis. Para iso suponse que serven as primarias como proceso de mobilización e debate partidario: para definir políticas e estratexias, construír e reconstruír culturas partidarias e unir e definir o partido cara o futuro. Resúmese todo nun asunto crucial para o país: se queren derrotar ao PP e as súas políticas nun escenario no que se dubida se o partido quedará segundo ou terceiro nas vindeiras eleccións galegas. Para iso son os partidos: para intentar gobernar intereses con políticas; os militantes do PSdeG sábeno ben porque están afeitos a gobernar a Xunta, as deputacións, os concellos, o Estado. Pero o pasado non fai presente.

Terán que decidir que futuro queren construír neste presente, no que moitos cadros socialistas imaxinan que a súa organización terá que pelexar duro para non quedar no Parlamento galego demasiado lonxe do segundo partido, daquel que se encargue de formar Goberno alternativo ao PP. A maioría das voces que se din autorizadas anuncian que na visión socialista non cabe a opción de entrar nun Goberno non presidido por eles. Son as mesmas que xa o dixeran antes para os gobernos das grandes cidades. Seguro que o que lles quede de marxismo serviralles para facer análise concreta de realidades concretas.

Ao longo de tres décadas de bipartidismo, o PSOE e o PP cultivaron e aplicaron a idea de que o partido máis votado gobernaba. O que era matematicamente lóxico daquela deixa de ter sentido cando o bipartidismo está rachado, total ou parcialmente. Acépteno ou non, a realidade é testana. Non o entendeu o PP reclamando o Goberno do Estado co solitario argumento de ter gañado cando non gañou; tampouco un PSOE incapaz de negociar asumindo que hai novos actores. Ambos terán outra ocasión de recoñecer a nova realidade que se resume en que, máis que nunca, no sistema parlamentario español o partido que agrupa mais deputados preside o Goberno. Se o logra só o Goberno será monocolor; se en compañía, será de coalición. A esta simpleza tan común en Europa é á que estamos a piques de chegar.

Como outras veces no pasado, as eleccións galegas poden alumear novidades: nas primeiras a UCD lle deu a alternativa a AP como a súa sucesora na dereita española, despois o primeiro tripartito, nas últimas a aparición exitosa do primeiro deses novos partidos emerxentes que provocan rebumbio. As vindeiras celebraranse despois dunhas eleccións xerais que deixarán case todo igual menos a formación dun Goberno que terán que resolver polo si ou polo non. Para aquela Galicia pode que volva innovar. Tal sería conformar un Goberno cun presidente que non fose do partido maioritario da oposición. Aparentemente imposible no horizonte mental do bipartidismo pode ser igual de factible aquí que adoita selo en Bélxica, Dinamarca ou Austria. Pero os partidos teñen que estar en condicións para esa innovación.