Corría xuño de 1972, momento en que a lei de educación de 1970 comezaba a cuestionar aquelas probas memorísticas e intentaba poñer racionalidade no sistema para achegarse aos modelos máis actuais do momento, e este que lles escribe presentábase á reválida de sexto para suspendela. Sen dúbida confiado en que aquel exame de contidos xerais tería que ver cos seis anos anteriores. Non só non tiveron nada que ver, senón que como destacan hoxe as voces máis críticas, supoñía unha avaliación completamente descontextualizada, máis alá da experiencia vivida, que non é que en aqueles tempos fora de luxo precisamente. Non chegaría a ter validez académica, debido a que o acceso a aquel debutante COU non obrigaba a ter superada aquela reválida xeral e outorgaba aptitude suficiente para entrar directamente á universidade, como así foi.
Ata onde son consciente, non pareceu chegar a ter un impacto serio. A universidade non perdeu un científico exitoso e o Parlamento non deixou de facerse -aínda que por breve tempo- cun político abrindo camiño á transferencia entre ciencia e política. Non foi importante non tela superado, máis alá do que a crítica xeral ao primitivo sistema de entón resultaría hoxe doado facer. Aínda así, superamos as dificultades con forza de vontade e constancia, dominante en moitos dos que nos mergullábamos no coñecemento e procurábamos o improcurable nas bibliotecas da cidade (case inexistentes) ou nos recantos dos seminarios dos institutos da man de algún dos profesores que empregaban doses importantes de paciencia e boa vontade en alimentar mentes abertas a respirar ideas e coñecementos novos en tempos en que a curiosidade era unha enerxía inesgotable.
As reválidas responderon a unha concepción teórica de adquisición do coñecemento, baseada nun procesamento acumulativo, almacenable no cerebro como a información nun sistema informático, acorde co coñecemento tecnolóxico da época. Máis de corenta anos foron testemuña de importantes avances en materia de psicoloxía do desenvolvemento humano, innovación educativa e avaliación do currículo, que sitúan este sistema de avaliación baseado en reválidas na prehistoria da educación, como para dar un verdadeiro carpetazo á historia, e abrirse a unha innovación integral e inclusiva con todos os axentes e actores do sistema educativo.