A recesión económica empezara en España en 1974 e agravouse en 1975. Un ano despois as exportacións eran só o 45 % das importacións e a devaluación da peseta durante o Goberno de Arias Salgado non mellorou a situación, polo que o déficit comercial español chegou a ser o maior do mundo. A nula competitividade da economía debeuse á falta de inversión empresarial e á fuga de capitais. Estimouse que entre xaneiro e maio de 1976 saíran de España 60.000 millóns de pesetas con destino aos bancos suízos.
Como consecuencia dos Pactos da Moncloa, o ministro de Economía, Francisco Fernández Ordóñez, presentou no Congreso en setembro de 1978 a Lei do imposto da renda das persoas físicas, e en Nadal a do imposto de sociedades. Ordóñez informou ademais da fuga de divisas nos últimos anos, dixo que Facenda somos todos, e fixou un prazo para a regulación voluntaria da situación económica dos contribuíntes. Foi a primeira amnistía fiscal na democracia.
Ordóñez tiña «boa prensa», pero Suárez prescindiu del porque na UCD se dicía que informaba dos acordos ao PSOE. Como sempre, a culpa levouna Abril Martorell, a quen chamaban «el Valle de los Caídos» polos mortos políticos que causara.