Mans

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Un libro de Xabier P. Docampo leva por título Mans. Vai acompañado de marabillosas fotografías de Daniel Puente. En cada páxina, un breve texto e unhas mans. Grandes, pequenas, abertas, pechadas. Mans de cores, grazas á pintura, ou mans con terra, do traballo. Todas mans limpas. Das que cando apertan o fan sen dobreces nin pregos, sinceras. Das de verdade.

É unha mágoa que un sindicato que presume de instaurar o ben cando á xustiza se lle escapa algún cabo que atar, estea ocupando agora as portadas e abrindo os noticiarios por todo o contrario ao que promulga. Acaba de ser desmantelado pola Unidad de Delincuencia Económica y Fiscal de la Policía Nacional (UDEF) trala detención do secretario xeral, Miguel Bernard. Seica se dedicaban a extorsionar a delincuentes. Eles descubríanos, que ese era o seu cometido segundo contaban. O que non dixeron foi que a segunda parte do mesmo non correspondía coa súa denuncia, senón que se dedicarían a pedirlles cartos co obxectivo de manterlles o segredo do delito.

Para alucinar, que non? O cazador de corruptos, máis corrupto aínda.

Pero ata onde chegamos? Que límite ten o ser humano? Ou é que non ten?

Por riba, escollen un nome coma ese. Mans Limpas. Cando teñen lixada ata a medula.

Comezo a pensar que as máis das mans limpas son as que teñen a terra metida entre as unllas. As mans retortas polos anos e o traballo, tan deformadas que custa incluso lavalas baixo a billa. Pero limpas de pel e alma.

Hai máis, certo, pero non son todas as que brillan.