Parva de Panamá

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

08 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza a campaña da renda, pero a persoa que me fai a declaración, un ano máis, non me recomenda levar a fortuna a un paraíso. Por iso, grazas ao rebumbio que armaron uns cantos xornalistas métomentodo, pídolle ser coma Vargas Llosa. «¿Estás disposta a dicir que es parva?», contéstame botando a un lado, cun ímpeto que se me antolla feliz, a carpeta que lle levo ateigada de declaracións de IRPF, fotocopias do DNI e Libro de Familia, tiques da autoestrada, facturas de notarios, extractos da conta bancaria. «Pero parva, parva, coma Messi, e botarme a min ou ao teu pai as culpas. Se nos collen, vas ter que mentir e dicir que vives nun mundo de novelas...». «¿Como, se nos collen?», dígolle cun sorriso sagaz mentres tiro ao lixo a carpeta da miña superficial vida de escritora mediocre. «Como imaxinarás, isto é algo máis caro ca os meus honorarios habituais...». Comezo a sentir unhas cóxegas nas íngoas, claramente provocadas pola visión de min mesma nunha tumbona das Illas Virxes, cunha piña colada e o último libro de Vargas Llosa baixo a sombrilla. Coma se me lese o pensamento, a asesora fiscal dime «Para as Illas Virxes non che dá o cashflow. Panamá». ¿Que sei eu de Panamá? Só o da canle que lles colleron aos ingleses, o do seu seseo apical e o poema de Lope de Vega: «-¿De dó viene el caballero? / -Viene de Panamá, / trencelín en el sombrero. / -Viene de Panamá, / cadenita de oro al cuello». Resóanme no oído os octosílabos cun resaibo histórico a luxo, delicada literatura e segredos ás voces. Panamá, penso. «¿É totalmente ilegal?», pregunto. «Só levemente inmoral», dime a asesora. «¿E onde se asina?». «Estas cousas non se asinan».