Primates

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Visionaba casualmente un combate entre primates e, canso da violencia, púxenme co debate parlamentario. Onte. Dende a tribuna, o deputado Iglesias Turrión citaba a Frantz Fanon, autor de Les Damnés de la terre (Os condeados da terra). Reivindicou ao autor e prometeu regalarlle o libro a Mariano Rajoy. Eu agardei con paciencia que alguén contestase a Iglesias. Ninguén o fixo. Renovar a Frantz Fanon é un disparate. Outro. Por iso escribo esta columna que cada xoves quere ser unha colección de bos sentimentos: exiliar violencias e violentos, erguer a bandeira da calma, nadar os interiores. Fanon é un dos referentes marxistas. Nos anos sesenta e setenta do pasado século era lectura obrigatoria para aqueles que pretendían a revolución. A revolución, desafortunadamente, provocou millóns de mortos e fame e absoluta miseria. Ninguén parece acordarse. Só lembramos os fascismos de dereitas. Os de esquerdas consentímolos. Hoxe mesmo: Cuba. Fronte ao discurso pacifista de Leon Tolstoi -que viviu a traxedia de Crimea- ou Gandhi, Mandela ou Bob Dylan, Teresa de Calcuta ou Bob Marley, tan dispares, Iglesias escolle a Fanon. Escribiu: «Facer a guerra e facer política é unha soa e mesma cousa». Ninguén retrucou, insisto. Resulta perigoso reivindicar a estas alturas democráticas de España estas voces bélicas. Resulta repugnante. Resulta indigno. Dicilo e, por riba, que os outros calen. Aquí, cada xoves, non cabe a política. Aínda que escribir bos sentimentos é tamén facer política. Chegamos ao fondo do pozo. Non podemos caer máis baixo. A cidadanía non merece esta mediocridade. Esta constante belixerancia. Esta dicotomía de «buenos y malos». Somos (son) como primates.