Cantos caucanos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

03 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os camiños do Señor son infinitos, impredicibles. E os da literatura tamén, diría que ás veces incluso máis gratificantes. María Carmen Millán Benavides é a directora do Instituto Caro y Cuervo, Seminario Andrés Bello, unha das institucións máis prestixiosas da sociolingüística centroamericana, con sede en Bogotá. Unha muller morena, alegre, extravertida, cuns ollos nos que semella que baila a música toda do seu país. Coñecina no recente Congreso Internacional de la Lengua Española, que se celebrou en Puerto Rico. Achegouse a min, nun descanso das intervencións académicas, ao sentir que falabamos algúns amigos entre nós en galego. «¡A lingua de Avilés de Taramancos!», exclamou. Era unha nena de catro anos cando deixou Santiago de Cali, no val do Cauca, no corazón de Colombia, para desprazarse coa súa familia a Bogotá, como tanta xente humilde, buscando horizontes. Na capital colombiana medrou, estudou letras, doutorouse en humanidades, especializouse en sociolingüística e asentou a súa actividade profesional. Pero todos os anos a familia viaxaba puntualmente a Santiago de Cali, ás Feiras de Cali, tamén chamadas Feiras da Caña, que se celebran contra o mes de Nadal, entre o 25 e o 30 de decembro: música, baile, artesanía popular, gastronomía, variadísima oferta cultural, turismo, corridas de touros... Era o regreso á nenez, ese territorio que endexamais se esquece. «E os nosos pais levábannos a comer empanadas galegas», contoume. «Empanadas de año». Sandwiches de cordeiro, dicían eles. Mais que eran as empanadas que se facían, cocían e vendían na Casa de Galicia.

En Cali hai unha Casa de Galicia, ou había daquela, semellante ás case que 200 institucións destas características que aínda seguen en activo no continente americano. E á Casa de Galicia ía a familia da nosa amiga Millán Benavides todos os anos polo Nadal a rencontrarse coa memoria, o paraíso non perdido, encarnado no sabor inconfundible das empanadas, que seica non as hai iguais en ningún outro sitio do mundo. Así llo contou un día ao director da Biblioteca Nacional de Bogotá, cando tivo que explicarlle a razón daquela teima de viaxar todos os anos a Cali polas datas de Nadal. «Non é tanto pola Feira como polo arrecendo e o sabor que aínda levo na memoria das empanadas galegas». «¿E logo ti non sabes que en galego hai un libro que canta as belezas do teu país?», seica lle respondeu o director da biblioteca. Avilés de Taramancos, o noso poeta de Noia, arribou emigrante a aquelas terras no ano 1971.

Alí morou ata o ano 1980 que acordou o regreso a Galicia coa familia. Entre outros traballos en Santiago de Cali rexentou unha librería, a Cultural Colombiana de Occidente, e naquelas latitudes está inspirado un dos seus libros máis intensos e emocionantes: Cantos caucanos (1985). María nunca sentira falar de Avilés de Taramancos, seguramente tampouco do idioma dos galegos, mais acabou deprendendo de memoria aqueles versos, que seguen a acompañala. Había unha luz especial nos seus ollos cando se achegou a nós.