O proxecto de Estatuto vasco

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

As eleccións do 15 de xuño deron o protagonismo no País Vasco a PSOE e PNV, que superaron claramente á UCD. A Asemblea de Parlamentarios, reunida na Casa de Xuntas de Guernica o 17 de setembro, aprobou un «Proxecto de Decreto-Lei de Réxime Transitorio Preautonómico para o País Vasco» e nomeou a Comisión negociadora do mesmo co Goberno central. O maior atranco estivo no desexo do PNV de incorporar Navarra ao País Vasco, e só puido superarse co acordo de que sería o electorado navarro quen o decidise en referendo.

O 4 de xaneiro de 1978 botaba a andar a preautonomía vasca co goberno do Consello Xeral, e o histórico dirixente socialista Ramón Rubial na presidencia. Polos resultados electorais de xuño de 1977, PSOE e PNV deberían ter seis membros no Consello e tres UCD, pero socialistas e nacionalistas acordaron permitir a presenza de Euskadiko Ezkerra. Obxectivo prioritario do consello foi o proxecto de Estatuto de Autonomía para elevalo ás Cortes en canto a Constitución establecese canles e prazos. Outro, ser os primeiros en facelo; por iso cando no mencer do 24 de Nadal o aprobou a asemblea, aceleraron os trámites e entregáronllo o día 29 ao presidente do Congreso, Fernando Álvarez Miranda.