A festa de aniversario


Nun alarde digno dun xeque, Vargas Llosa celebrou o seu 80.º aniversario cunha desas festas que fan renxer as bisagras da mala conciencia burguesa: 500 convidados, etiqueta, discursos, vestidos de pailletes, prensa rosa, e sobre todo ela, Isabel, de súpeto Nobel consorte, con moita sorte, porque mordeu en Mario cos seus dentes branquísimos, sen previo paso pola tortura de construír en parella un escritor de éxito, sen medos á páxina en branco, sen pelexas con outros Nóbeles nun cine de México. A Isabel Preysler só lle faltaba no currículo un bo escritor para convencernos definitivamente de que, detrás do seu halo de imperturbábel perfección, hai unha muller excepcional.

A ela non lle gustará que o diga, pero encántame esta ostentación do amor na terceira idade. Os taitantos da Preysler e os flamantes oitenta de Vargas Llosa, de súpeto adolescente, hiperhormonado, porque nunca el se pensara co mito erótico dos oitenta, a das conversas cos amigotes nas partidas de billar no soto da Moncloa. «¡Que sorte, o condenado do Boyer!», dicían daquela. Pero nesa noxenta España que aínda ulía a naftalina e a incenso, un home de pro non podía perder a cabeza pola Preysler. Aí rematou a carreira política de Miguel Boyer, tan namorado dela como agora o Nobel que se permite ser un sentimental.

A historia do amor en España sempre se escribiu coa letra de Isabel Preysler. Normalizou o divorcio, os fillos de distintos pais e a liberdade sexual da muller antes de que chegase a nós o concepto de familia desestruturada. Menos mal que a Preysler namorou despois dos sesenta, para desencorsetar a toda unha xeración que aprenderá que na vellez tamén existe o amor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos

A festa de aniversario