O Día da Infamia

OPINIÓN

01 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 7 de decembro de 1941, a Armada Imperial de Xapón atacou por sorpresa a base aeronaval de  Pearl Harbor, sede da flota estadounidense do Pacífico, o que provocou a entrada de EE. UU. na Segunda Guerra Mundial; o presidente dese país, Franklin D. Roosevelt, dirixiu á nación un histórico discurso rexeitando o ataque, e cualificando aquel 7 de setembro como o Día da Infamia.

O pasado 18 de marzo, os líderes da Unión Europea, entre eles Mariano Rajoy, refrendaron un acordo con Turquía que contempla a expulsión a este país de todos os migrantes que cheguen de forma irregular ás illas gregas do Mar Exeo a partir do 20 de marzo. A expulsión comezará o 4 de abril, ao que cabe cualificar como novo Día da Infamia.

O documento, apenas tres páxinas, ratifica o memorándum do pasado 7 de marzo, que xa causara escándalo, engadindo algúns detalles: os 6.000 millóns de euros que a rica Europa regala a Turquía para que faga de garda de fronteiras, o que nos recorda, pasada a Semana Santa, ás 30 moedas que recibiu Xudas pola súa traizón; inclúe tamén componendas diplomáticas curiosas: por cada refuxiado deportado a Turquía, Europa acollerá a outro migrante cobixado en territorio turco; algo que é difícil non cualificar de cambalache.

O tratado, na opinión de expertos e organizacións especializadas como ACNUR (Alto Comisionado da ONU para os refuxiados) ou Amnistía Internacional, conculca o Estatuto do Refuxiado de 1951 e a Carta de Dereitos Humanos da ONU, conquistas na que a vella Europa fora un piar fundamental. O Goberno español en funcións tivo a ocorrencia de presumir de que grazas ao seus esforzos se incluíran no documento precisións humanitarias, unha ousadía, dado que as expulsións se realizan a Turquía, país ao que a duras penas se pode cualificar de país seguro, como esixe o Estatuto do Refuxiado; ao contrario, visto o trato que aplica aos kurdos e outras minorías étnicas, o peche de medios como o xornal Zaman -o de maior tiraxe de Turquía- e a connivencia criminal con determinadas actuacións do Estado Islámico.

O noso Goberno actúa fronte a esta crise con bágoas de crocodilo; nin sequera os ministros que acudiron, piadosos, ás procesións de Semana Santa (Xustiza, Fomento, Interior?) tiveron a máis mínima palabra de agarimo para as penalidades dos refuxiados; en medio da indolencia e das non-negociacións postelectorais, rexeitaron os ofrecementos de concellos (Madrid, Barcelona?), comunidades e ONG para integrar refuxiados; a medida da súa aflición pode dárnola a cifra de acollidos, só 18, deles 17 eritreos e 1 sirio; por certo, que este último é Osama Abdul Mohsen, aquel que foi zancadilleado -instante gravado polas cámaras de televisión- por unha miserable xornalista húngara; pois ben, o Goberno desde setembro ata hoxe nin sequera accedeu a que este humillado sirio puidese reunir á súa familia. Onde a caridade cristiá?

Compárese con Canadá, que nin sequera é un país europeo, que finalizou xa -por medio dunha operación aérea de grande envergadura- a acollida de 25.000 persoas.

Polo demais, pode estar tranquilo o presidente do Goberno coa anunciada querela criminal de IU por incumprir gravemente as obrigas humanitarias; sabemos xa que o Tribunal Supremo -ou o Constitucional se fixese falta- lavarase as mans coma Pilatos, rexeitando a querela sen entrar no fondo do asunto aducindo calquera defecto de forma, táboa de salvación habitual.

Iso si, non evitará que as persoas de ben cualifiquemos o 4 de abril como novo Día da Infamia.