As lágrimas de Mogherini

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

27 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores fose un home, a xente buscaríalle o sentido ás súas lágrimas. Pero a ela dinlle que os políticos teñen que representar a nosa calma en momentos nos que o medo nola quita. Pero vostede faría o mesmo que Federica Mogherini.

Houbo un día no que Mogherini, Merkel, mesmo Rajoy, non foron seres detrás dunha nube de gardacostas, senón persoas coma vostede. Por iso aínda se angustian ante a dor da morte e a destrución, e séntense culpables. As lágrimas de Mogherini tiñan a densidade de quen está asumindo que xamais vencerás a quen practica a loucura de matarse matando. E tiñan, tamén, a cor lamacenta de quen sabe a ciencia certa que esta historia que se escrebe nos aeroportos e estacións, nos distritos do norte de París, Moelenbeck, Siria e no campo de refuxiados de Lesbos, ten moito de falacia: a dos deuses e relixións que explican o desarraigo, a pobreza, a tristura de nacer en pisos nos que a distancia dunha hora ao centro da felicidade é sinónimo de condena. Mogherini e as súas lágrimas culpábeis represéntannos a todos máis ca nunca, porque somos nós quen mandamos combatentes a Siria, somos nós quen os educamos, somos nós quen cre que as igrexas son mellores cás mezquitas. Somos nós quen manda aos seus tíos e amigos de volta a lugares que viven a diario coma o martes Bruxelas.

Somos nós quen só uns minutos antes do terror en Bruxelas, estabamos contentísimos con Obama en Cuba, porque xa nos esquecera a súa promesa de que iría alí hai oito anos, a pechar Guantánamo. Como non vai chorar Mogherini.