Para que non se rompan en mil anacos, pequenos pequenos, os teus soños: ese territorio que segue impulsando o teu respirar, sístole, diástole, corazón arriba. Para erguer a ilusión por riba de todas as bandeiras deste mundo de solitarios, solitario: fronte ao batallón das sombras. Para facer invisible a nostalxia. Para que non tires a moeda e sempre saia cruz. Para iso e para que non pensen que estás acabada, acabado, escribo todos os abrazos que caben aquí atrás, neste refuxio bálsamo balneario de La Voz. Este abrigo. Quizá este xoves non fai falta. O abrigo é a túa pel. Sol. Acaríñate. Cóidate. Mírate no espello e contempla como a tristeza non se ve. Acaríñate para que ninguén, de rabia, faga agromar como vinagre as túas lágrimas nunca máis. Camiñas ao paraíso cada vez que proclamas, mirando o ceo, que todo vai saír ben. ¡Vamos! Hoxe será o mellor día de todos os días. Hoxe, acaríñate. Ninguén sabe de ti máis ca ti mesmo. Que non pretendan impoñer o seu modo de ser felices, como unha lección que debes aceptar repetir asumir. Corazón arriba. Acaríñate. Alégrate. Importa a luz: a de fóra, pero fundamentalmente esa que ilumina o teu adentro. Que non te manquen máis. Abonda. Tes a memoria cosida de cicatrices e lúas rotas. Necesitas que alguén diga que te quere. Só iso. Cando escoitas un quérote todo semella máis lindo. O amor axuda a vivir. O cariño que te ofreces cada día é un modo de pousar alento e vigor entre os teus dedos. Non perdas o tempo dando pena, sentindo pena, apenado. Xoves Santo no país das marabillas, Galicia. Velaquí o edén. Nada pode fallar. Pero non esquezas practicar o título desta columna. Acaríñate. O mundo será menos gris. ¡Vamos!