Figuróns na picota

OPINIÓN

21 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1999 publicouse a versión castelá do libro de Alan Sokal e Jean Bricmont Imposturas Intelectuales, que demostrou que autores de tanto renome como Lacan, Kristeva, Baudrillard, Deleuze ou Guattari, nas súas fundamentacións matemáticas de aspectos do pensamento e das ciencias sociais, revelaban un serio descoñecemento da materia. Foi un escándalo ecuménico.

Paréceme que algo semellante ben podería ocorrer co recente libro de Ignacio Sánchez-Cuenca, La desfachatez intelectual, editado por Catarata, no que, como o seu subtítulo expresa, o autor trata da relación dos escritores e intelectuais coa política e, en concreto, da frivolidade, e ás veces grave descoñecemento, con que expoñen asuntos dos que pouco esforzo fixeron por comprender.

E isto é o que Sánchez-Cuenca demostra con datos e con argumentos verdadeiramente demoledores, que supoño que lle sacarán as cores aos autores que alude e que, con valentía, cita polos seus nomes, nun estilo claro, preciso e conciso, a diferenza do que os tales autores acostuman empregar, donos si de facilidade literaria pero orfos de estudo e coñecemento.

O longo capítulo que dedica ao terrorismo e ao nacionalismo, ao axuizamento que deles teñen feito os figuróns que pon na picota, demostra, entre outras cousas, o moito que estes fixeron por nos enganar, o moito que se nos ocultou e canto se tratou de torcer a nosa información para mostrarnos unha realidade desdebuxada.

A conclusión é que «as opinións políticas dos Savater, Cercas, Muñoz Molina, Juaristi, Azúa, Vargas Llosa, Marías, Espada, etcétera, teñen a estas alturas algo de churrusqueiro». Que pasará entón, digo eu, coas opinións dos seus seguidores, seareiros e imitadores, discípulos de tales mestres. Mellor non pensalo.