Xogos de nenos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Cando eramos pequenos, consentíansenos os caprichos. Incluso entre nós, os propios nenos, que gustabamos dos tratos malvados. No fondo, só era un xogo. Se vés comigo, non podes ir con el. Se non me elixes para sentarme ao teu carón no autobús, enfádome. Se non xogas ao que digo, o próximo curso non me poño no pupitre do lado. E así todo. Pero axiña medramos e todas esas disxuntivas rematan. Hai quen é máis ou menos caprichoso, pero todos nos imos normalizando e facendo máis transixentes. E menos mal!

Ou non, porque ás veces xa o dubido. Se non me chamas a min primeiro, non negocio. Se non fas o que eu digo, estás fóra. Pero isto que é? Falamos de xogos de nenos ou de dirixir un país? Hai días que intento afastarme das novas políticas, porque de novas non teñen nada, todo o contrario, son prácticas de sempre, mais resulta complicado co bombardeo de noticiarios contando o mesmo: nada de avances, todo de reproches, volta ao ti máis e ás veleidades de cada quen.

Fartura é o que teño. Son conscientes de que estamos a falar do destino dun país? De que o pobo votou, decidiu, mandou e os dirixentes fan coma que non oen?

Quen estea dubidoso, que se vaia. Non o queremos. E o que non estea disposto a traballar limpamente polo país, fóra tamén. Dáme igual se quedan tres, pero que paguen a pena, porque visto o espectáculo, a que ten ganas de fuxir, son eu. O problema será cara a onde, pois hai moitos lugares que non están mellor ca nós. E ser un refuxiado non semella unha boa opción.