Costou manter o consenso na elaboración do texto da Constitución. O PSOE e AP amagaron con rompelo, pero finalmente, o 31 de outubro, aprobouse o Proxecto da Comisión Mixta Congreso-Senado. Para satisfacer en parte as demandas dos nacionalistas, di o artigo 2: «A Constitución fundaméntase na unidade de España e a solidariedade entre os pobos e recoñece o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran». O termo nacionalidades provocou debates, abstencións e votos en contra de deputados e senadores. Para atender as da Igrexa católica mencionouse expresamente no artigo 16, co visto bo do PCE e o voto en contra do PSOE. Porén, o cardeal primado publicou unha pastoral con duras críticas contra o proxecto. O referendo de ratificación celebrouse o 6 de Nadal. O Goberno fixo unha gran campaña a favor e os partidos nacionalistas pediron a abstención ou o voto negativo. Aprobárono o 87,78 % dos votantes, cunha abstención do 32,89 %; pero no País Vasco a abstención acadou o 55,4 % e os votos afirmativos quedaron no 33,9 % do censo. Puideron votar os xoves de 18 anos porque o 17 de novembro entrou en vigor un real decreto lei que rebaixou a maioría de idade, que estaba nos 21.