Vertixe de cambio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

11 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegados aquí, ninguén sabe en que darán os intentos de formación do novo Goberno. O que sabemos é que a posibilidade real do cambio dá vertixe a todos os actores políticos, empezando por quen o prometen. Tendo a pensar que tanto ao sistema político como ao económico -á sociedade tamén- interésanlles neste momento dúas cousas: non repetir eleccións e formar un Goberno de cambio. Que lles interese non quere dicir que se logre. O asunto é simple se o reducimos á mínima expresión: nunhas novas eleccións ningún dos catro partidos ten garantías de mellorar de posición, pero as dificultades para formar Goberno serán idénticas ás de agora. Os resultados das poucas prospeccións demoscópicas que se fan son tan esperados como temidos.

Aínda que Rajoy segue sen decatarse e os seus non queren nin pensalo, a maioría dos novos do PP xa saben, din, e mesmo escriben, que o mellor para o PP é pasar á oposición, superar este momento-corrupción que os sepulta, renovar as direccións, como poidan contribuír á gobernabilidade, que Rajoy busque sucesor e pasar páxina dende a oposición sen facerse moi vistos até dentro dun par de anos. Os novos tamén saben por que: non gañaron as eleccións, son a única cara visible da corrupción, non teñen un programa nin unha operativa para pactar con ninguén e así lograron demostrar que ninguén quere gobernar con eles. Ao PP non pode interesarlle correr o risco de repetir as eleccións.

Tampouco lle interesa aos demais partidos. O PSOE é un mar de dúbidas nun envoltorio de aparentes certidumes: ten medo de pactar á esquerda porque nunca o fixo en 40 anos e non dá sabido saír do cómodo espazo programático marcado polo bipartidismo. E Ciudadanos, que pode gañar repetindo eleccións? Nestes meses logrou presenza e respectabilidade, pero non votos, e só ten bases sólidas en Madrid e Barcelona; tan no centro se colocaron que se fixeron vulnerábeis a que a dereita e esquerda as dúas forzas principais poidan deixalos sen sitio. De repetírense eleccións, perdería votos cara o PSOE e o PP e como este último cara a abstención.

Igual que Podemos, que xunto ás confluencias toparon coa dúbida existencial básica da esquerda rupturista respecto do PSOE: gobernar ou non gobernar, en coalición. Aspirar a facer novas políticas fronte á posibilidade de perdérense nos salóns do poder sen capacidade política e aínda enfrontados aos propios, mesmo enlamados pola corrupción sistémica. A dúbida é coñecida dende os tempos do anarcosindicalismo da Segunda República e, como é antiga, por iso vimos reaparecer inesperadamente a pantasma de Anguita por boca de Iglesias, no medio de xente moza, diferente, preñada de novas ideas, formas e instrumentos e para susto de Errejón e Bescansa.

Un Goberno PSOE-Mareas-Podemos, co apoio parlamentario de Ciudadanos e nacionalistas vascos e cataláns, é difícil de construír, pero respondería aos intereses de todos os actores: ter Goberno antes de setembro, executar orzamento, integrar os partidos novos e evitar os riscos da extrema dereita populista que campa por Europa. Atreveranse os actores a dar o paso? Poderán máis as vellas ideas e prácticas do vello bipartidismo? A vertixe a afrontar as mudanzas que require o cambio pesará máis que a incertidume dunhas novas eleccións? Ese e o dilema.