Rosalía forever

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

28 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das particularidades máis fermosas deste país é ter unha literatura fundada por unha muller. Non é nada habitual, pero aquí estamos nós para colocarmos a Rosalía de Castro nun lugar do Parnaso que por pouco lle arrebatan os seus propios contemporáneos. Sabíao ela ben cando, en 1865, escribiu un estupendo artigo titulado Las Literatas no que atribúe a pouca consideración das escritoras á súa condición de mulleres. «O teu marido é quen escribe, e ti a que asinas», cóntalle a Eduarda, unha suposta aspirante a quen relata a arbitrariedade á que se vían sometidas as autoras polo feito de séreno. Os xenios da literatura teñen a capacidade de dicir verdades coma templos, e velaí a verdade de Rosalía de Castro, que naceu hai agora 179 anos e aínda non foi merecidamente recoñecida coma a excelente prosista que foi. Se cadra porque o espírito feminino disque é mellor para a poesía. E se cadra porque os Bécquer, Larras e Hartzenbusch dificilmente asumirían ser superados por unha muller que, para máis inri, escribiu en galego boa parte da súa obra.

Tiña todo en contra e, porén, Rosalía é a sorte de matriarca que toda literatura precisa. A vara de medir do prestixio e do valor. O corazón da galeguidade toda en cada unha das palabras que escribiu e que as súas herdeiras aprendemos e desaprendemos para construírmonos nun presente no que aínda queda moito desas Literatas de hai século e medio. Malia todo, Rosalía merece unha revisión desde o feminismo, desde a esquerda e desde un presente que desmitifique o romanticismo. Non lle teñan medo, señores. Resucitar o fantasma de Rosalía todos os febreiros só pode facerlle ben a este atolado país que ela tan ben prediciu.