Nada como un bo café

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

Sei que están no aire os pactos para formar Goberno; son consciente das causas xudiciais abertas e do deterioro que iso supón para a nosa clase política. Sei das dificultades de tanta xente, tanta, para chegar a final de mes; fin de mes que lles semella tan imposible coma o cumio branco do Shisha Pangma. Seino. Pero este tampouco é un tema menor: o do café, falo dun bo café e do difícil que resulta acertar cun lugar onde desfrutalo. O café que nos mantén en pe cada día. Ese café case artesano. O arrecendo á mañá. Pero, por que é tan difícil? Pingado e con corpo, case que con alma tamén, coma o café portugués. Pero, por que? O divino café turco, auga, zucre, dúas ferveduras apenas e sen espuma: tres grolos para o ceo do padal. O pracer maiúsculo xa co xornal diante e a pinga sempre na frase destacada. Pero por que esa desidia para nos facer un pouco máis felices por 1,10 ou un 1,20; pode que máis. Porque hai cafés, de verdade, que case son delicto.