Preautonomías

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

20 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Siro

Ninguén podería imaxinar en 1977 o actual mapa autonómico de España. Había présa por atender as demandas de vascos e cataláns sen agraviar ás outras comunidades, e o réxime preautonómico foi unha solución de urxencia e provisionalidade, previo ao debate constitucional. A fórmula «café para todos» creou preautonomías nos territorios que as solicitaron, porque, se vascos, cataláns e galegos reclamaban gobernos autonómicos, os demais non querían ser menos.

O Goberno chegou a sentirse superado e tentou demorar o proceso, pero non puido. En febreiro do 78 o ministro para las Regiones, Manuel Clavero Arévalo, dixo aos socialistas galegos que non era posible fixar unha data de aprobación da preautonomía para Galicia porque o seu ministerio debía «superar dificultades políticas que persisten en torno al tema». Tamén Abril Martorell, vicepresidente para Asuntos Políticos, declarou que o urxente era elaborar a Constitución. Sen embargo, a presión dos grupos parlamentarios fixo que o Consello de Ministros aprobase os días 10 e 11 de marzo as preautonomías de Galicia, Canarias, Aragón e País Valencián, que entraron en vigor o 18, ao ser publicados no Boletín Oficial do Estado os decretos lei da Xefatura do Estado.