Véncete

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

11 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasamos a vida competindo cos outros. Dende nenos caemos no erro de converter o verbo competir en algo transcendente para as nosas vidas. Esquecemos a frase sabia de Ernest Hemingway: «Non hai nada nobre en ser superior aos teus semellantes. A verdadeira nobreza reside en ser superior ao teu ego anterior». Superarse a si mesmo, non aos demais: esa é a meta de cada día. Ser un pouco mellor, sentírmonos mellor, amar mellor. Claro que cada un ama como sabe, ou como pode. Claro que o mundo empuxa a competición diaria, como se a vida fose unha carreira de obstáculos na que o principal obstáculo é o adversario. O inferno son os outros, dicían. Eu non o creo. Os infernos viven dentro de nós, como dentro de nós vive a posibilidade de apagar o seu lume insidioso e destrutor. Convéncete e véncete. Non queda outro remedio. Cambiar a actitude pesimista cando pisas a praia dun novo día. Adentrarte na auga cálida dos afectos e esquecer o rancor: os rancorosos, os que odian, gastan a vida gastándose a si mesmos. Levantar o ánimo dos desanimados. Procurar calma para os que viven no desasosego. Apagar o teléfono móbil para que non pase as vinte e catro horas do día pitando, recordando, alertando, importunando. Véncete, anda. Intenta dar un paso sen que cada paso forme parte dunha competición. Intenta amar e ser amado. Véncete. Se caes, aprende da caída. Se aplauden demasiado, pensa que non todos os aplausos son verdade. Véncete. Non compitas cos demais, senón coa túa propia ambición. Aperta as cordas da vontade: esa palabra devaluada. E intenta ser o que ti queres ser. Non o que os demais queren que ti sexas. Ti, que só pretendes competir contigo mesmo. Ti es capaz. Podes. Véncete, anda.