No centenario das Irmandades da Fala

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Ando estes días a repasar as páxinas de Pensamento e sementeira. Leiciós de patrionismo galego, escolma de artigos de Antón Villar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936) que en 1971 publicou Edicións Galicia, a editora do Centro Galego de Buenos Aires, da man de Salvador Lorenzana (Francisco Fernández del Riego). Dun xeito ordenado e accesible preséntasenos o pensamento dun dos grandes activistas da formación da conciencia nacional galega no século XX, principal impulsor das Irmandades da Fala, de quen este ano celebramos o seu centenario. En marzo de 1916, Villar Ponte publicara un folleto que tivo unha gran repercusión: Nacionalismo gallego (apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional, así, en castelán, no que reivindicaba a identidade de Galicia como suxeito político, ao tempo que afirma a dignidade e mesmo a utilidade (social, cultural e política) da lingua galega como referente desa identidade. Polas mesmas datas, dende as páxinas de La Voz de Galicia, o autor fai un chamamento para constituír a primeira Irmandade, na cidade da Coruña, á que se apuntan inicialmente vinte persoas, pero que axiña empeza a espallarse por todo o país e mesmo nas colectividades galegas alén das nosas fronteiras.

Xoán Vicente Viqueira, Antón Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Uxío Carré Aldao, Porteiro Garea, Manuel Lugrís Freire, Ramón Villar Ponte, Castelao, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Otero Pedrayo, Xaime Quintanilla, Valentín Paz Andrade, Luis Peña Novo e un longo etcétera adírense á iniciativa de xeito que, en poucos meses, as Irmandades xa teñen vida de seu en Santiago de Compostela, Ferrol, Monforte de Lemos, Vigo, Pontevedra, Ourense, Melide, Mondoñedo, Vilagarcía de Arousa, Lugo, Ortigueira, nun pulo que arrastra vontades e activa entusiasmos. Fronte á Galicia entregada, que en palabras do propio Villar Ponte nalgún momento semellaba abocada case que ao suicidio, os novos irmáns (que así se chamaban entre eles) apostan por un futuro diferente. «Dos degaros e afáns de Antón Villar Ponte e os seus compañeiros -escribe Salvador Lorezana-, que andaron polos camiños de Galicia cun novo andar, estamos a nos alimentar todos nós».

O discurso do nacionalismo galego (o galeguismo moderno) como espazo de reivindicación e dignidade do suxeito político de Galicia, ten as súas orixes naquelas Irmandades, das que arestora celebramos o centenario. Iniciativas como as editoras populares Céltiga e Lar, xermolos da editorial Nós, que capitaneaba Ánxel Casal; o Seminario de Estudos Galegos (1923), a revista Nós, a revista Logos, A Nosa Terra; os primeiros proxectos do Estatuto de Autonomía de Galicia, as primeiras normas ortográficas para a lingua galega, os primeiros estudos antropolóxicos, económicos, pedagóxicos? a primeira emisora de radiodifusión en Galicia (Radio Galicia, 1933), as campañas de teatro popular, os primeiros xermolos de cinematografía galega, mesmo o Partido Galeguista (1931), naceron do espírito daquel pulo inicial na Coruña de 1916. Unha data para reflexionar.