A utilidade do inútil

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

31 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na marea da pasada semana intentei denunciar a política de abandono en que a lexislación vixente en España (dende o ano 2013) deixa ao escritor ou ao artista, o creador en xeral, no momento da súa xubilación. Andan as cartas de protesta recollendo sinaturas para ver de revisar o caso. Cando o produtor de cultura se xubila doutros traballos polos que cotizou durante toda a súa vida e lle chega a hora de poder elixir entre seguir rabuñando no tempo ou mercar tempo para dedicalo á creación, xa instalado na madurez, sen os apuros do negocio, o sistema o condena a elixir entre recibir a pensión (case sempre ben cativa) ou renunciar á mesma para seguir producindo. E a xeito de complemento ou resposta o meu amigo Eliseo me agasalla cun libro que recomendo aos lectores: A utilidade do inútil (2013), do ensaista italiano Nuccio Ordine, traducido ao galego por Carlos Acevedo e publicado hai poucos meses por Factoría K (Kalandraka). ¿Para que serve un soneto de Ramón Cabanillas? ¿Cal é a utilidade dunha sinfonía de Mahler, unha obra de Shakespeare, un cadro de Luis Seoane? Nesta sociedade dos valores supremos da economía, onde o que manda é o verbo ter, non o verbo ser, ¿que proveito obtemos dunha escultura de Henry Moore ou dunha novela de Otero Pedrayo? A cuestión de fondo está aquí: na valoración que a sociedade dá á obra dos creadores de cultura, fóra das rendas do negocio da edición ou da representación. ¿Para que serve un título ou formación universitaria? ¿Para acceder a un traballo, integrados na máquina da produción e o consumo, ou para a formación do individuo como parte do discurso social? ¿Para que serve a filosofía (primeiro capítulo das leccións do noso bacharelato tradicioal)? En definitiva, ¿para que serve a cultura? ¿Para facernos máis libres, máis informados, máis conscientes de realidade que habitamos, máis críticos e esixentes coa mesma? Velaquí unha das bases do problema: mellor caladiños todos, que equivale a dicir: mellor mansos e sen criterio. O libro, que viaxa polo tempo e as creación da Humanidade, repasa a produción dos clásicos e a súa contribución ao discurso da cultura, alén da rendibilidade material da mesma. Nas últimas décadas, con implacable teimosía, foron desaparecendo do sistema educativo as materias de humanidades: a literatura, a filosofía, as linguas clásicas, a formación artística... ¿Alguén pode imaxinar a sociedade actual sen esas contribucións básicas? Pois nesas estamos. Do que se trata, no mellor dos casos, é de incentivar consumidores masivos para produtos ao servizo das industrias do lecer e do entretemento, que os grandes teóricos incorporaron hai tempo ao concepto de industrias culturais. No modelo USA, que é o capitalismo que domina, os casinos, a pornografía, os espectáculos deportivos de competición, o fútbol, os consumos de televisión, etcétera, forman parte dese gran negocio industrial onde o individuo é valorado como consumidor e a rendibilidade económica (o negocio) impón os seus principios. Contra iso é contra o que nos pronunciamos.