Galeguidade galáctica

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

A axencia espacial europea vén de asinar un acordo para poñer en órbita o telescopio James Webb a finais de 2018. Chámase así en lembranza do director da NASA que levou a cabo o proxecto Apolo e será o substituto do coñecido telescopio espacial Hubble, posto en servizo en 1990. O impulsor da idea de poñer un telescopio en órbita foi o físico John Bahcall (1934-2005), para eliminar o estorbo que supón a atmosfera cando observamos o espazo dende a Terra. Bahcall era moi listo: na década dos 60 foi o primeiro en decatarse de que na Terra tiñan que detectarse máis neutrinos procedentes do Sol que os que se estaban medindo, un problema cuxa solución mereceu o Premio Nobel de Física 2015. Tamén elixiu ben os seus colaboradores, entre os cales houbo un de orixe galega (detalle atopado polo xornalista da Voz Santiago Garrido): Raymond Soneira, cuxo apelido procede da comarca do mesmo nome (que inclúe os concellos de Zas, Vimianzo e Camariñas). Soneira, estando no Instituto para Estudos Avanzados de Princeton, creou o modelo matemático que permite ao telescopio Hubble orientarse con precisión cara ao seu obxectivo. Tamén, xunto con Bahcall, é coautor do modelo aceptado ata hai pouco como o estándar para describir a nosa galaxia, a Vía Láctea. Cando vexan fotos do Hubble, lembren o labor deste galáctico galego.