Déixenme ser Raíña Maga


Foi por non coaccionar polo que estiven calada todo este tempo durante o debate sobre a feminización das cabalgatas de Reis. Por non coaccionar, digo, porque aspiro a Raíña Maga, soño que espero ver cumprido se o alcalde de Vigo se enrolla. Desde xa, por iso, me poño cos méritos para o 5 de xaneiro do 2017: alcalde, póñase navideño a fin de ano e déixeme ser Raíña Maga. Non me importa travestirme, se se trata de respectar o texto bíblico, aínda que é sabido que na Biblia tampouco se di nada de carrozas de porispán, de música chundachunda, de chegadas en tren, globo ou outros medios de transporte inauditos, nin dos caramelos sen glute. Aínda que hei de dicirlles a todos os que rachan as vestiduras pola tan rebuscada coma innecesaria invención das Raíñas Magas, que non hai vestiario máis queer có dos Reis, no que as longas barbas se fan imprescindibles como demostración da masculinidade (o caso de Baltasar é distinto, xa saben) a todos eses nenos aos que, en fin, o que lles interesa son os xoguetes.

Para min os Reis son reis e, en fin, nalgún spa por aí estarán as raíñas, agardándoos ata que rematen a súa única xornada laboral anual. E se teño que renunciar ao meu proverbial republicanismo por un día para cumprir o meu soño de levar capa de armiño, lanzar caramelos e falar en secreto cos Reis de verdade, pois fágoo. E as feministas, pola mesma, igual deberiamos centrarnos en esixirlles aos Reis ou o que sexan que se deixen de parvadas e asuman dunha vez que os xoguetes non teñen sexo.

Dito isto, que algún alcalde faga feliz a unha escritora, por favor. Déixenme ir de Rei Mago, ou de Raíña Maga, incluso de paxe? o que sexa con tal de ir na carroza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
42 votos

Déixenme ser Raíña Maga