Votar e non rezar

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Padezo desde que lin a última xoia da cidadá Pilar Rojo. Citando case letra a letra o artigo 16 da Constitución, ese que declara a liberdade de cultos e a aconfesionalidade do Estado, dixo: «A vixente Constitución, no seu artigo 16.3, obriga os poderes públicos a ter en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e a cooperar coas distintas confesións, entre as que cita expresamente á Igrexa católica». E é certo, pero por máis voltas que lle dou, non acabo de ver a relación entre a garantía das crenzas e a presenza dos representantes políticos en oficios relixiosos. Tamén é posible que ser delegada rexia obnubile o siso dunha persoa monárquica, especialmente en presenza do Divino, porque imaxino eu que Pilar Rojo sabe mellor ca min, como presidenta do Parlamento que está a piques de deixar de ser, que a maneira na que un cargo institucional pode e debe garantir os dereitos e liberdades non é indo á misa, senón exercendo o seu labor institucional. Por iso quero crer que, fóra de rezarlle ao Patrón de España, algo faría Pilar Rojo desde o seu cargo non só pola nosa liberdade relixiosa, senón por esoutras preocupacións que lle declarou en castelán ao Apóstolo Santiago (como bo arameo, falará español e non galego): a discriminación da muller e a persecución dos cristiáns. Se eu fose católica, e tendo en conta a mensaxe do Evanxeo sobre a pobreza, non sei se me ofendería por tanto tiro errado nese discurso.

Eu, que lle queren, como creo máis na Lei ca en Deus, sigo confiando nos poderes públicos para resolver eses e outros problemas da nosa sociedade, porque para iso voto e non rezo.