Cartas de amor desde Sidi Ifni

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

03 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Van moitos anos xa desde que atopei nun caixón da mesiña de noite de meu pai un libro vello e consumido polos fungos e a humidade, de título Cómo escribir cartas de amor. O libriño era sinxelo, de edición rústica e tipografía antiga, tal o seu estilo; traía fórmulas para se dirixir á moza ou á noiva ou xa mesmo á dona segundo o grao da relación e en moi distintas situacións, incluso para tentalo de novo despois de certas diferenzas ou ata dunha ruptura. Non tería maior importancia a non ser pola historia que agochaba detrás. Sóubena moitos anos despois e lembreina este Nadal. 

Pensemos no ano 59, 1959, e trasladémonos ata Sifi Ifni baixo control español con moitos mozos galegos que naquel tempo deberon cumprir co exército naquelas terras lonxanas e desérticas coa guerra aínda quente. Estaba recente o asedio a Sidi Ifni por parte das tropas magrebíes e a reconquista do Sáhara Occidental, xa saben. Meu pai, que rematara Eletricidade do Automóbil na vella escola de Mestría da Coruña, foi un de tantos mozos que lles tocou a milicia naquel deserto. Moitos aínda hoxe lembrarán, seguro: El Aaiún, Villa Cisneros. Encargábase, a máis de manter en servizo os vellos camións, de escribir as cartas de moitos daqueles galegos ás súas mozas, noivas e nais. Así, durante case que dous anos. Cartas todas elas co mesmo encabezamento, a mesma fórmula repetida daquel libro, con verdades agochadas polo medio simulando felicidade e convertendo nun paradiso o que era a nada chea de pó e crueza. Porén, tanta miseria ou máis había naquel tempo aquí. Conta que ás veces tiña que mentir ao lles ler algunhas cartas de resposta que recibían, ben fose pola negativa ou rexeitamento da rapaza ou por algunha nova máis triste aínda da casa. Mesmo se pedían cartos e chegaba semanas despois o sobre baleiro. Toda unha experiencia que hoxendía, no tempo dos tuits e guasaps, parece, seguro, de película.

(A tantos galegos veteranos de Sifi Ifni).