Carta aos Reis Magos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

03 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Podiamos pedir tres cousas. Tiñamos tempo para pensalas, pero unicamente tres cousas. Non había garantía de que nolas trouxesen. Outros factores, ademais do noso desexo, condicionaban os resultados: a economía doméstica, a oportunidade, as circunstancias familiares, o noso comportamento ao longo do ano... Este último aspecto contaba moito. Os intermediarios (os pais) teimaban seguido nesta cuestión: os Reis están ao tanto de todo, non se lles escapa nada, e non se trataba de cumprir a semana anterior ao acontecemento, os mérito tiñan que vir de atrás, medidos e contabilizados durante os trescentos sesenta e cinco días do ano. Mais a carta só admitía tres cousas. Tres oportunidades. E alí estabamos nós, entre o tren eléctrico que viamos todos os anos no escaparate de Varela, o forte con indios e vaqueiros, o mecano desmontable, a bicicleta...

Non entendo esta polémica dos Magos. Os Reis existen. Non son un invento. Acoden cada ano á cita da noite do 5 de xaneiro cunha precisión e unha lealdade insubornables. Díxenllo aos meus fillos cando tiñan idade para entendelo e sígollo dicindo agora: os Reis existen. A cuestión está en acertar nas tres cousas que pedimos, e nos factores que en cada ocasión nos condicionan, a eles e a nós.

Véñolle dando moitas voltas ás miñas peticións deste ano. Tres cousas. Primeira: recuperar as políticas básicas de igualdade. A fenda social que se abriu nos últimos tempos entre os que máis teñen e os que menos teñen (ricos e pobres) é unha deficiencia grave que nos afecta a todos: no particular, na realidade máis próxima, e no universal, esas distancias inmensas que desequilibran cada vez máis a viabilidade do planeta. De seguir así, imos de cabeza ao cataclismo, por máis que o egoísmo duns poucos semelle un saco sen fondo. Ou repartimos equitativamente os recursos (naturais, económicos, tecnolóxicos) ou sucumbimos. Estamos sentados enriba dunha bomba de reloxería.

Segunda: xustiza e solidariedade, que ten moito que ver coa primeira. As políticas públicas (nacionais e internacionais) están para algo. A traxedia dos refuxiados é o elemento máis visible deste desaxuste profundo, pero tamén está nas rúas das nosas cidades, nas persoas que sobreviven sen teito, nos desafiuzamentos, na nosa indiferenza diante das calamidades dos demais, como se a nós non nos tocasen, o que esixe unha rexeneración profunda do sistema, cunha limpeza a fondo da podremia que nos abafa e que non pode deixar marchar impunes os culpables, por moi nomeados e poderosos que sexan.

A terceira é a ilusión, enerxía fundamental que nos anime a cambiar as cousas, porque un mundo mellor sempre é posible, malia os fatalistas e os resignados. Sen ilusión, sen esa enerxía mobilizadora, estamos mortos.

Non é só unha cuestión de fe, é unha cuestión de intelixencia e vontade. E logo están os condicionantes, eses factores que operan ás veces por riba de nós e que cómpre tamén saber administrar, moi principalmente a conduta de cada quen, pública e privada, sen a cal todo o anterior é fume e papel mollado.