É tempo de candeas. Nas mesas, nas ventás, nos recibidores... Pero tamén tempo de velas, aínda que estas non avanzaran con rapidez ata agora, porque o vento, e o inverno, fixéronse de rogar neste Nadal. Non se asemella ao que teño almacenado na memoria. Cando era nena, a cousa non ía así. E... cando deixei de ser nena? Cando o Nadal cambiou a maxia e ilusión polas lembranzas? Cando exactamente? Onde está ese punto de inflexión? É ben difícil dar con el. Pasa coma o anoitecer, que non sabe un ben cando é. Quedamos mirando o sol agocharse, e de súpeto, xa se fixo de noite. Quizais por iso me sorprendeu a decisión de Pablo Alborán, un cantante moi novo que foi quen de ver que a vida pública lle estaba comendo a privada, e decidiu darse un descanso e facer as cousas ben. Cear cos amigos, estar coa familia, estudar, formarse, traballar con calma... Claro que ter cartos axuda a organizarse, e dá posibilidade de parar, pero, aínda así, é moi sinxelo deixarse ir nese tren de comodidades e piropos, nos que todo son eloxios.
Estes días de Nadal, de desprazarse para estar coa familia, deberan axudarnos para prender candeas, luces, ilusións... pero tamén para pregar velas se é preciso, e gardar a forza do vento dosificándoa ao longo do ano. Pero para iso é preciso reflexionar con tranquilidade, e iso, precisamente, é o que nos falta moitas veces: tempo tranquilo, e ganas de autoexaminarnos.