Comidas do Nadal

La Voz PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

31 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin hai uns días neste xornal que durante unha cea de Nadal os comensais de dúas empresas acabaron a golpes e esnaquizaron parte do local no que a celebración tiña lugar.

As pelexas danse tamén nas comidas familiares. A recomendación de paz na terra non parece estar presente nestas reunións nas que as suspicacias, as envexas e ata os resentimentos máis ocultos saltan de súpeto á superficie. O feito é tan frecuente que xa nalgúns medios de comunicación dan consellos para evitalas: non falar de política, de relixión nin de fútbol e evitar a máis mínima crítica á vestimenta dos presentes ou aos manxares que algún cociñou, ou que outros achegaron ao convite.

Esas situacións interesábanme como novelista, polo que teñen de manifestacións da personalidade, pero sentías alleas á miña experiencia e ao meu talante ata que hai uns anos participei durante unha cea do Nadal nunha discusión apaixonada e cada vez máis agresiva sobre un asunto aparentemente inocuo: cal fora o lugar exacto en que caeu o coche en que morreu Carrero Blanco. Os mozos aseguraban que fora no chan do patio do convento dos xesuítas, e «os maiores» estabamos seguros de que fora nunha azotea, ou saledizo, a media altura.